Logo A paixón de MaríSoliña

O Argumento

'A paixón de María Soliña' é unha longametraxe de ficción e documental de corte histórico que describe o nacemento, a estrutura e a función do tribunal da Inquisición Española a través do proceso contra María Soliña acontecido en Galicia a comezos do século XVII. A pretensión é narrar a crónica destes feitos facendo fincapé nas motivacións históricas e sociais ocultas tralas acusacións de bruxería que abondaron neses tempos.

María Soliña é unha das personaxes lendarias da cultura galega que mellor definen a loita contra a adversidade e a represión do poder. A súa historia resume á perfección o proceso ao que se viron sometidas numerosas mulleres, non só en Galicia senon tamén en toda Europa, acusadas de bruxería e xulgadas polo tribunal da Inquisición. María Soliña converteuse nun icono da cultura galega, a súa historia foi transmitida de maneira oral para ser tratada ó longo do século XX por numerosos artistas e historiadores ata convertila nunha nova Xoana de Arco.

O tribunal da Inquisición Española nace da man dos Reis Católicos no século XV. A súa implantación progresiva ó longo dos diversos reinos espallados pola península responderá a variadas razóns de estratexia político-relixiosa, pero fundamentalmente á intención de eliminar as ideas e crenzas que non pertenceran ó dogma católico, como o xudaísmo, o protestantismo e as prácticas paganas.

Os xuízos por bruxería foron unha tónica habitual ata ben avanzado o século XVII. Poucos anos antes do xuízo contra María Soliña, os acontecementos derivados do proceso de Logroño en 1612 contra a secta de bruxos de Zugarramurdi, no prineo navarro, cambiarán totalmente o rumbo da lexislación inquisitorial. O xuíz inquisidor Alonso de Salazar y Frías, realiza un extenso traballo baseado na recopilación de probas e na escrita de varios memoriais para demostrar que o esoterismo e a superstición estaban moi presentes nas sentenzas por bruxería e na mentalidade de moitos inquisidores, clérigos e xuíces. A partires do seu traballo, considerado hoxe en día como un referente humanístico, prácticamente desaparecen as condenas á fogueira nos tribunais inquisitoriais.

A longametraxe profundiza mediante ficcións de época en todos este feitos, dende a historia de María Soliña ata a instauración do Tribunal de Santiago de Compostela e o traballo do inquisidor Alonso de Salazar y Frías.

multimedia · facebook · twitter · blog · contacto

© Productora Faro S.A. - Todos los derechos reservados